Praza de Abastos
image8.jpg


PRESENTACIÓN:

O Proxecto Novo Mercado foi un dos proxectos beneficiados, na convocatoria do 2011, das axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, correspondentes ao Eixo 5 “Desenvolvemento Sustentable Local e Urbano” do Marco Estratéxico Nacional de Referencia (2007-2013), cuxo obxectivo é “cohesionar o territorio a través de proxectos integrados de rexeneración urbana e rural, reforzar a participación cidadá na xestión dos asuntos públicos e a mellora dos servizos locais”.

O Concello da Estrada, promotor do Proxecto Novo Mercado, pretende a través do mesmo impulsar o desenvolvemento sustentable do municipio mediante a rehabilitación do mercado municipal de abastos e da súa contorna, aproveitando todas as potencialidades deste edificio recuperado, para o desenvolvemento de actividades de promoción económica e conciliación familiar.

O Proxecto Novo Mercado conta cun orzamento de 1.328.134,98€, dos cales 929.694,49 (o 70%) serán recibidos do FEDER e os 398.440,49€ restantes (o 30%) deberán ser achegados polo Concello da Estrada.

A data de finalización prevista para o Proxecto Novo Mercado é o 31 de decembro de 2013.

 

 

ACTUACIÓNS:    

ACTUACIÓN  1:  REHABILITACIÓN  DO  MERCADO  MUNICIPAL  DE ABASTOS E NOVO APROVEITAMENTO DO ESPAZO PARA USOS SOCIAIS.

Búscase recuperar unha edificación pública existente gravemente deteriorada e infrautilizada, dotándoa das condicións e o equipamento necesario para o aproveitamento de todas as súas potencialidades. Para iso procederase a:

- Rehabilitar o edificio desde o punto de vista arquitectónico e urbanístico.

- Acondicionar  e equipar o interior do edificio para o aproveitamento das súas potencialidades.

 

ACTUACIÓN 2: HUMANIZACIÓN E ADECUACIÓN DA CONTORNA E O ACCESO AO MERCADO.

Búscase facilitar e potenciar o acceso ao mercado mellorando o tránsito e a mobilidade e fomentar a interacción entre viandantes e comerciantes. Para iso procederase a:

- Eliminar as barreiras á mobilidade.

- Construír novas prazas de aparcadoiro nas proximidades.

 

ACTUACIÓN 3: SERVIZOS DE APOIO E  DINAMIZACIÓN AO EMPRESARIADO LOCAL.

Búscase impulsar o  desenvolvemento económico e  a  xeración de oportunidades de emprego no municipio, fomentando a actividade comercial e a mellora da competitividade do propio mercado e apoiando a creación de novas empresas. Para iso procederase a:

- Promover medidas para o impulso da actividade de comercio polo miúdo do mercado municipal.

- Crear un viveiro para o aloxamento de novas empresas.

 

ACTUACIÓN 4: PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES DE LECER INTERGENERACIONAL E DESENVOLVEMENTO PERSOAL.

Búscase facilitar a conciliación familiar e a mellora da calidade de vida da poboación do municipio, desenvolvendo unha programación de actividades de carácter lúdico orientadas á atención á infancia, a convivencia intergeneracional  e  a  pervivencia  de     a tradición  local.  Para  iso procederase a:

- Realizar unha programación e pór en práctica actividades de carácter lúdico orientadas á poboación infantil que atenda ás necesidades de conciliación das familias do municipio.

- Impulsar a creación dun grupo de voluntariado de maiores que participe activamente no desenvolvemento das actividades programadas.

- Recompilar,  expor  e  achegar á poboación do municipio e visitantes elementos da propia tradición cultural.

 

ACTUACIÓN 5: XESTIÓN E SEGUIMENTO.

Búscase asegurar unha xestión eficiente do proxecto que permita o cumprimento dos obxectivos do proxecto no prazo previsto e cos recursos asignados. Para iso procederase a:

- Implementar uns procedementos para a xestión, o control e o seguimento do proxecto.

- Desenvolver unha avaliación externa.

 

ACTUACIÓN 6: COMUNICACIÓN.

Búscase garantir a visibilidade do proxecto e o coñecemento dos seus obxectivos, actuacións e fontes de financiamento. Para iso procederase a:

- Deseñar e implementar un plan de información e comunicación do proxecto.